No Teatro Principal non cabía ninguén máis. Un diálogo feliz entre o cine e a literatura, a imaxe e a palabra. Eloy Varela e Fina Casalderrey presentaron en casa propia e pola porta grande Dúas letras, a curtametraxe e o libro que Galaxia publica na sua colección de audiolibros e que, logo de poucos meses nas librerías, xa vai pola segunda edición. Acompañaron aos autores o director xeral de Galaxia e algúns dos actores e técnicos que participaron na produción do filme, entre eles Teresa Fraga, Claudina Casalderrey e Mariano García.
"Síntome moi arroupada pola xente", comentou Fina Casalderrey. "Sentímonos moi apoiados e queridos pola nosa xente, e iso anímanos a seguir. A literatura e o cine son cousas moi distintas, pero no fondo, detrás de unha e de outro, hai sempre unha historia"
A historia dun tempo moi concreto, a Galicia rural dos anos 50, e dunha experiencia colectiva que marcou o noso país: a emigración, neste caso a Buenos Aires. "Moitos dos que estamos aquí vivimos esa experiencia nas nosas familias e sabemos de que falamos, Oxalá que esta produción humilde, pero auténtica, sirva para que as novas xeracións tamén a coñezan e reflexionen sobre o seu significado, que en moitos casos é o mundo dos seus país e dos seus avós, moito máis próximo do que parece".
Eloy Varela falou da importancia de traballar en equipo e da produción audiovisual coma un labor de conxunto, onde todos colaboran e todos deprenden, e onde o entusiasmo suple moitas veces as eivas ou limitacions económicas, técnicas, de orzamento… "Fixemos a película con toda a ilusión do mundo, enchendo con dedicación e afecto as carencias que tiñamos. O resultado tédelo aí, e a resposta social non pode ser mais gratificante".
Dúas letras está a recibir o agarimo do público e algúns primeiros premios importantes do cine independente, polo de agora en Galicia: tres premios do festival de Cans (Porrriño) e premios tamén en Bueu e en Vigo.
"Deprendín moitas cousas de Eloy. Da súa maneira de traballar e da complexidade do traballo cinematográfico, tan distinto da literatura. Por iso me resultou tan interesante dialogar co filme escribindo despois o relato que abre o libro: poñer en palabras as imaxes, cando normalmente o proceso é ao revés, primeiro escribes e logo fas a película".
O público estaba entregado e ovacionou ao realizador, á guionista e ás primeiras actrices da curta: Teresa Fraga e Claudina.