Foi unha xornada triste, mais moi emocionante. Triste polo falecemento de Isaac Díaz Pardo (1920-2012). Emocionante pola asistencia masiva de persoas e institucións, que recoñecían en Isaac unha das grandes figuras da cultura galega máis importantes e significativas do pasado século. Primeiro no tanatorio coruñés, despois nas instalacións do Museo do Pobo Galego, do que Díaz Pardo foi un dos seus fundadores e presidente, centos de persoas acudiron a despedir ao intelectual, deseñador, escritor, artista plástico, ceramista, creador xunto con Luís Seoane do Laboratorio de Formas de Galicia (1963) e do conplexo industrial e cultural das cerámicas de Sada e Sargadelos.
No cimiterio compostelano de Boisaca descansan os seus restos ao carón de Ramón María del Valle-Inclán, Antón Fraguas e Aurelio Aguirre. A súa dona, os seus fillos e os seus netos presidiron os actos, de carácter civil, nos que interviñeron entre outros Xosé Ramón Fandiño, Xosé Neira Vilas, Xesus Alonso Montero e os gaiteiros Nando Casal e Susana Seivane.
Na mañá do venres visitou a capela ardente do Museo o presidente da Xunta e unha ampla representación do goberno. Representantes de varias institucións galegas (Consello da Cultura Galega, Real Academia Galega, Editorial Galaxia, Museo do Pobo Galego, Fundación Otero Pedrayo…) sacaron a ombros o cadaleito camiño do cemiterio compostelán. "Adeus, avó", despedírono os netos e as netas, deitando flores sobre a súa tumba.