Galaxia súmase ao reto audiovisual

Categoría: Nova

Hai uns días, nesa web referencial que é culturagalega.org, a xerente da editorial Galaxia, Pilar Sampil, explicaba as claves do salto da nosa editora ao mundo audiovisual. ao sinalar que "como produtora estabamos dados de alta no rexistro do ICAA desde hai xa bastante anos, pero decidimos dar un pasiño máis e seguir traballando neste campo e integrarnos na Asociación Galega de Produtoras Independentes". Daquela, e sen perdermos nunca de vista o mundo do libro, que é no que levamos 60 anos a traballar, Galaxia asume novos retos para un futuro que se presenta máis que apaixonante.
Esta liña de traballo é relativamente nova para nós, na medida en que xa existen moitos produtos moi avanzados, como é a elaboración dun libro co que facer a distribución, con el, dunha longametraxe documental sobre Ángel Llanos, o coñecido fotógrafo vigués. Pero non é o único traballo con base audiovisual xa que cunha axuda a desenvolvemento da Consellaría de Cultura fixemos o guión de 'As crónicas do Sochantre'. Na mesma liña, tense traballado moito noutra fita, con guión de Víctor Freixanes, sobre a faceta persoal de Castelao co título provisional de 'A mirada de Castelao'.
Todos estes camiños, modestamente iniciados, alicérzanse agora coa entrada en Agapi. Como sinala Sampil: "Para 2011 faremos con Ignacio Vilar a adaptación cinematográfica de A Esmorga, pero tamén estamos iniciando unha liña de libro-DVD para sacar películas en galego pegadas a libro e para o que temos o título provisional de Árbore Audiovisual (de xeito análogo á serie Ábore Arte)".
E quen di estes proxectos di a posibilidade de convertir en imaxes o banco practicamente infindo de creacións existentes no catálogo da editorial. Un camiño sen volta atrás que suporá, sen dúbida, un salto cualitativo máis que esencial na historia da nosa editorial.

Compartir na redes sociais: