Primeiro no Centro Galicia e na Fundaciòn Galicia América, que mantén o Colexio Apostol Santiago, onde máis de 500 rapaces e rapazas reciben estudos regulares de lingua e literatura galegas, historia e tradicións de Galicia, dende a escola infantil ao bacharelato. Despois, no Instituto Arxentino de Cultura Galega, que dende hai anos xestiona, xunto coa Xunta de Galicia, o pabellón galego da Feira do Libro. A continuación, na Federación de Sociedades Galegas da ríua Chacabuco. Sen esquecer os Terzos da Fala, a asociación os Gromos, os Lectores Galegos de Buenos Aires e outras agrupacións que dende iniciativas de base traballan a prol da presenza da cultura galega na capital arxentina.
Editorial Galaxia está a desenvolver un ambicioso proxecto de presenza da nosa cultura e dos nosos libros no mundo, e pretende inicialo en Buenos Aires, que foi capital da cultura galega durante case tres décadas, dende 1940 aos primeiros anos 60 do pasado século. Os representantes da nosa editora, Xavier Martínez Cobas (conselleiro delegado) e Víctor F. Freixanes (director xeral), xunto con María Dolores Cabrera (Fundación Penzol) foron recibidos e agasallados polos directivos dos centros e as agrupacións anteditas, entre outros Xosé María Vila Alén do Centro Galicia, Manuel Peleteiro da Fundaciòn Galicia América e Francisco Lores da Federación de Sociedades Galegas.
Nas dependencias do Colexio Apostol Santiago, o director de Galaxia falou para os alumnos e alumnas de bacharelato, que este ano, unha vez máis, viaxarán a Galicia no mes de setembro coincidindo co seu final de curso e a entrada na Universidade. Na rúa Chacabuco conversamos con amigos e reopresentantes dalgunhas agrupacións culturais galegas que traballan na capital arxentina sobre o proxecto Mar Maior e a posible implicación das bases galegas no mesmo. Na Feira do Libro celebramos encontros con distribuidores e libreiros arxentinos, así como cos representantes do Centro Galego e do Instituto Arxentino da Cultura Galega.