Rosalía

Categoría: Opinión

Cando me enterei do novo concurso tuiteiro de Galaxia, inmediatamente comecei a cavilar e a enviar chíos. Os primeiros eran guerrilleiros, políticos, contestatarios, galeguistas… Porque para min Rosalía non é esa muller melancólica e chorona que tanto promulgan algúns senón unha persoa valente, afoutada e rebelde. Capaz de esixir A xustiza pola man.

Mais os seguintes chíos viraron cara a temas máis bucólicos… Como un rapaz coma min da Amaía non ía facer referencia ás paisaxes labradas polo río Sar das que tanto falou Rosalía? Ortoño, Bastabales, Padrón… Porque Rosalía tamén é paisaxe, choiva, ríos, silveiras, fontes e figueiriñas que eu (tamén) plantei…

Finalmente, os meus últimos chíos – do cal saíu o gañador – xiraron ó redor de nós. Dos galegos. Da xente das aldeas e máis das vilas. Dos que quedaron e dos que tiveron que marchar lonxe da terriña deixando viúvas de vivos. E lembrei os contos de miña avoa querida. Lembrei a infancia. Lembrei a aldeíña, o monte, o arrecendo da herba…

Lembrei todo aquilo que ben quixen un día…

Lembrei a Rosalía.

Compartir na redes sociais: