As empresas de Editorial Galaxia (Editorial Galaxia S.A. e Merlín Comunicación S.L.) cerraron o exercicio do ano 2007 cun volume neto de negocio de 2.153.762 euros, fronte aos 1.891.603 euros do ano 2006. Esta cifra representa un 13,8 % de crecemento no volume neto de negocio, descontados as marxes de desconto a librerías e outros procesos de intermediación.
Deste total de negocio, 1.978.472 euros corresponden a Editorial Galaxia S.A., e 175.290 euros á recentemente constituída Merlín Comunicación S.L., empresa orientada cara a novos desenvolvementos da produción cultural: exposicións, material audiovisual complementario, publicacións alternativas, etc. Os resultados do exercicio ascenden a 22.590,40 euros despois de impostos, fronte aos 11.568,50 euros do ano 2006. O Consello de Administración propuxo levar o total do resultado a reservas.
En conxunto, traballaron ese ano na nómina de Galaxia máis Merlín Comunicación 21 persoas, e a empresa produciu 83 novidades editoriais e 29 reimpresións, en total: 112 títulos producidos.
Os libros máis vendidos nese período foron:
"Ollos de auga", de Domingo Villar. Literaria.
"Tonecho de rebordechao", de Breogán Ribeiro. Árbore.
"A esmorga", de Eduardo Blanco Amor. Literaria.
"Os dous de sempre", de Castelao. Literaria.
"Made in Galiza", de Sechu Sende. Literaria.
"Biografía de María Mariño", de Xerardo Agrafoxo. Letras Galegas.
"Os vellos non deben de namorarse", de Castelao. Literaria.
"Lendas galegas de tradición oral". Antoloxías.
"Cousas", de Castelao. Literaria.
"Que me queres, amor?", de Manuel Rivas. Literaria.
Tocante a facturación os títulos de maior volume de negocio foron:
"Diciopedia do século XXI". Varios autores. *
"Ollos de auga", de Domingo Villar.
"Gran Dicionario do século XXI". Varios autores.*
"Dicionario do século XXI. Secundaria". Varios autores.*
Os títulos sinalados con asterisco (*) son editados conxuntamente por Editorial Galaxia e Edicións do Cumio, nun proxecto compartido entre ambas as dúas editoriais que denominamos Proxecto Século XXI.
Non consta na anterior relación a serie de libros editados con EL PAÍS, na serie Árbore-Os Duros (22 títulos), con tiraxes medias de arredor dos 12.000 exemplares, que se difundiron co devandito xornal en Galicia ao prezo simbólico de 1 euro.