Aínda que sempre foi unha fecunda simbiose a que se desenvolveu entre ambas as institucións, a Editorial Galaxia e a Fundación Otero Pedrayo decidiron asumir conxuntamente as accións relativas á promoción, publicación e espallamento da obra de don Ramón. Así pois, Afonso Vázquez-Monxardín en nome da Fundación e Francisco Castro pola Editorial, coidarán o plan de edicións e publicacións doutra clase de materiais que se irán publicando tanto dentro da Biblioteca que leva o seu nome e que forma parte do Catálogo de Galaxia, así como doutros materiais noutros formatos que se proxecten dende a Fundación.
A Fundación Otero Pedrayo, cuxa única razón de ser é o coidado da memoria de Otero Pedrayo, e a editorial Galaxia, partillando historicamente este interese en quen foi o presidente primeiro da editorial e patriarca das letras galegas, afondan nesa coordinación para que ese exercicio de difusión e valoración sexa cada vez máis eficaz e que a vida, obra e traballo de don Ramón chegue a máis público de todas as idades.