O pasado venres asistimos no Museo do Pobo Galego á presentación institucional da programación do ano Fraguas nunha rolda de prensa convocada pola Consellería de Cutlura da Xunta de Galicia. Entre as moitas iniciativas que alí se deron cita, houbo tamén espazo para as propostas editoriais, entre as que Galaxia capitanea a recuperación da obra do autor de Cotobade.
Deste xeito, a partir do mes de marzo, comezarán a chegar ás librarías os primeiros títulos da recén creada Biblioteca Antonio Fraguas, onde verán a luz obras fundamentais do autor a carón doutras pezas máis descoñecidas e singulares que resucitan co gallo destas Letras Galegas 2019.
Entre os grandes títulos de Antonio Fraguas, se cadra os seus volumes máis coñecidos, regresarán ás librarías Romarías e santuarios, nunha edición e formatos renovados, e o Cancioneiro de Cotobade, que desta volta incluirá ademais un CD con varias das cantigas musicadas e instrumentalizadas, un traballo que publicamos en colaboración co Concello de Cerdedo-Cotobade. Outros textos se cadra menos coñecidos, pero igualmente valiosos, son os volumes Do tempo e dos astros, O santuario da Franqueira, as Notas compostelás de Fraguas ou os seus Artigos de Cotobade, todos eles traballos que nos axudarán a divulgar todas as facetas dun intelectual senlleiro e poliédrico das nosas letras.
Para saber máis sobre o seu perfil vital, levaremos ás mesas de novidades dúas propostas biográficas: Antonio Fraguas. Mestre da memoria, unha biografía asinada por Malores Villanueva, onde o rigor investigador de biógrafa e biografado brillan configurando un mapa vital ateigado de anécdotas, materiais complementarios e que achegará novos perfís sobre a figura de Fraguas a quen aínda non o descubrise; e A vida de… Antonio Fraguas, unha biografía novelada para o público infantil do mestre e etnógrafo que asina desta volta Xosé A. Neira Cruz.
A todo este traballo de recuperación e divulgación, hai que sumarlle o impulso de iniciativas para os centros de ensino. Neste apartado, Galaxia levará aos centros de primaria o espectáculo Canta miña pedra, canta, conducido por Xoán Curiel e Charo Pita. Unha actividade onde se porá en valor, non só a traxectoria vital do autor homenaxeado, senón tamén a oralidade, a través das súas dúas vertentes máis vizosas: a canción e a narración oral, ambas aprezadas e estudadas por Antonio Fraguas.
Produto deste espectáculo para centros publicaremos, na colección Sonárbore, Canta miña pedra, canta, un libro coas cancións de Curiel, baseadas todas elas en episodios da vida de Fraguas ou en fragmentos do Cancioneiro de Cotobade.
Todo isto e… sempre, sempre… moito máis: carteis deseñados por Nuria Díaz, campañas en redes, sorteos… Todo para que non perdas nada nesta festa das Letras Galegas 2019!