Víctor Fernández Freixanes (Pontevedra, 1951) converteuse onte no novo Presidente da Real Academia Galega por decisión do plenario. Despois do mandato de Alonso Montero, Víctor F. Freixanes toma o relevo apostando por unha liña continuísta e por crear espazos de afecto, de conexión da Academia coa sociedade.
Ata o pasado mes de decembro Víctor F. Freixanes dirixiu a Editorial Galaxia, facíao dende 2002, cando o falecemento de Carlos Casares, anterior director xeral. Profesor Titular de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, escritor, novelista, director da revista Grial xunto a Henrique Monteagudo, presidente da Fundación Otero Pedrayo, foi anteriormente director xeral de Edicións Xerais de Galicia (1987), conselleiro delegado da mesma empresa ata 1998, director xeral de Edicións do Grupo Anaya e director xeral de Alianza Editorial.
No mandato que inicia, o décimo quinto presidente da institución estará acompañado por unha comisión executiva integrada por Henrique Monteagudo, Andrés Torres Queiruga, Marilar Aleixandre e Fina Casalderrey.
Desexámoslle todo o mellor nesta nova andaina a Víctor F. Freixanes!