Francisco Castro leva "As palabras da néboa" á Casa do Libro

Categoría: Nova

Os dous presentadores coincidiron en salientar as cualidades que convirten a esta novela nun fito no devir narrativo de Francisco Castro. Carlos Lema pasou revista á produción novelística do autor, a quen seguiu atentamente dende Play-back (1997), confirmando a súa calidade en Xeración perdida (2004) e Spam (2006), e leu o texto no que o xurado do Premio García Barros xustificaba a elección de As palabras da néboa para o galardón de 2007, definindo a obra como "unha novela orixinal, cunha proposta novidosa de novela histórica". Canonicamente –salientou Lema- é novela histórica porque cumple todos os requisitos, pero aporta algo máis que chamará a atención do lector e conseguirá a súa complicidade dende o principio: o seu estilo narrativo vai alén do usual neste xénero literario.

Para Álvaro Otero, autor de Días de agua (2000) e De mar y muerte (2006), a novela sorprende cunha rica variedade de personaxes ben perfilados, algúns moi evocadores, que se moven na resaca da II Guerra Irmandiña que asolou Galicia de 1467 a 1469. Ten ritmo e traba ao lector rápidamente, envolvéndoo nun ambiente onde o histórico e o actual cruzan os seu fíos con gracia, ironía e unha dose de humor. A través dunha escolma de citas da novela, Otero foi apoiando as súas afirmacións para concluír que estamos diante dun gran desagravio literario ao esforzo irmandiño cuxa vitoria non puido ser.

Francisco Castro desvelounos algunhas claves da novela, produto dun ano enteiro de intensa concentración nun mundo lonxano. A idea da novela foise perfilando cando andaba a documentarse sobre os pasos que se seguían, durante os séculos XIV e XV, para declarar bruxa a unha muller. Por aquí revelouselle un personaxe, Isabel de Portugal, e pouco a pouco as palabras foron disipando a néboa.

Castro definiuse como un romántico con saudades daquela "brincadeira xuvenil" dos anos sesenta, que vive nunha época na que o "Novo Mundo" está en superar un cástin para entrar nun deses programas de indiscreción permanente. Definiuse como narrador que non ten demasiado respecto á verdade (o que non e vero e ben trovato) e que como persoa reivindica "o dereito a sermos irmandiños pola vida adiante".

Compartir na redes sociais: