Faleceu Isaac Diaz Pardo (1920-2012)

Categoría: Nova

Deixounos Isaac. Paseniñamente, coa discreción que a caracterizou sempre, vaise unha xeración: a xeración dos grandes, iso que nos libros denominamos "galeguismo histórico" e que vén ser a xeración dos maiores, o discurso (e o exemplo) dos pais, que nos fixeron como agora somos.
Isaac Díaz Pardo (1920-2012) pertence á xeración dos mozos que viviron a Segunda República e conectaron dende moi novos co galeguismo que estaba daquela a construir o país (as Irmandades da Fala, a xeracion Nós, Castelao, Villar Ponte, Ánxel Casal, Alexandre Bóveda…). O seu pai, Camilo Díaz Baliño (1889-1936), artista plástico, sufriu a represión da guerra e foi paseado nos primeiros días do alzamento fascista contra a República, o que marcou profundamente a vida e a personalidade do fillo. Pintor de recoñecido éxito nos anos da mocidade, axiña deixou a pintura para incorporarse a actividade cultural e emprendedora da man sobre todo do galeguismo dos exiliados (Luis Seoane, Rafael Dieste, Lorenzo Varela, Baltar) que en Arxentina poñen a andar as cerámicas de La Magdalena, xermolo do que será despois as cerámicas do Castro e o proxecto Sargadelos en Galicia,
Non se pode entender a significación histórica do proxecto Sargadelos e as súas empresas, comprometidas coa promoción da cultura galega, sen Isaac Díaz Pardo e Luis Seoane. A personalidade de Isaac é plural e difícil de definir nunha única actividade: ceramista, escritor, ensaista, debuxante, pintor, escenógrafo, empresario, editor, cartelista, deseñador, activista cultural, home comprometido políticamente coas opcións da esquerda e o galeguismo, a súa figura alimenta transversalmente toda clase de iniciativas e érguese, coa perspectiva do tempo, coma un músculo ou pulmón intelectual do galeguismo do século.
Unha das súas teimas era a recuperación da memoria histórica. "Sen memoria non somos nada". A colección de Documentos para a Historia Contemporánea de Galicia, publicados por Ediciós do Castro, é un exemplo desa preocupación, igual que o Museo Carlos Maside, a recuperación do Seminario de Estudos Galegos ou a creación do Instituto Galego da Información, entre outras iniciativas.
Cantos nalgún momento foron petar na súa porta a prol da cultura galega, sempre a atoparon aberta e xenerosa. O seu contacto cos exiliados foi fundamental para o retorno dos mesmos, a partir do ano 1963. Ponte activa entre a Galicia da Terra e a Galicia de alén mar, principalmente a Galicia do exilio en América. A súa idea da cultura non era unha idea cerrada, nin elitista, senón dinámica, fundamentada na iniciativa empresarial e no mercado, consciente de que o intanxible simbólico da creatividade, alicerce da identidade dun país, é un activo económico de primeiro nivel para o desenvolvemento das sociedades.
Váisenos un dos grandes poucos días antes de que un dos seus mellores amigos, Francisco Fernández del Riego, falecido tamén recentemente, cumprise anos (o 7 de xaneiro). Xuntos fixeron moitas viaxes. E nunca renunciaron aos soños, que é o principio da vida, para as persoas e mais para as nacións que non renuncian a si mesmas. Oxalá saibamos continuar o seu exemplo.

Compartir na redes sociais: