Falar dende Xapón sobre Galicia

Categoría: Nova

O profesor Takekazu Asaka, profesor de Filoloxía Románica da Universidade Tsudajuku, visitou onte Editorial Galaxia. Con este experto en Galicia e a literatura galega mantivemos unha breve conversa na que nos informou, entre outras cousas, da publicación de dous novos volumes, en xaponés, centrados na nosa cultura e da súa autoría. Por unha banda, 'Tatekazu Asaka canta a Ramón Cabanillas, un texto no que estuda a obra de Cabanillas ao tempo que ofrece, en xaponés, unha escolma de dezasete poemas. Por outra banda, deixounos un exemplar de 'Coñecer Galicia', outro texto da súa autoría, editado tamén en xaponés, e que presenta o noso país ao público lector nipón en medio cento de capítulos.
PREGUNTA: Por que agora estas publicacións?
RESPOSTA: Hai moitos anos que me interesa a literatura e a cultura galega, e non é a primeira vez que me centro editorialmente neste país. No ano 2002 editei 'Cantares gallegos', que reeditamos no 2009 cun CD. Agora, volvo con este libro sobre e de Cabanillas que o ano que vén esperamos tirar do prelo tamén acompañado dun CD.
P: Que é o que se vai atopar o lector xaponés no outro libro, o de divulgación da nosa terra?
R: A miña idea foi sintetizar o mellor e máis interesante de Galicia e da súa cultura en cincuenta capítulos. Sobre este libro hai que salientar algo moi importante como é o feito de que a editorial Akashi nunca publicou un libro destas características centrado nun lugar concreto dun estado, é dicir, o resto da colección, cada volume -e xa van oitenta e oito publicados- está dedicado a un estado concreto. Con Galicia entenderon que debían facer esa excepción. O libro estará nas principais librerías do Xapón, e o recibirán tamén as facultades. Escollín un xeito de redactar doado para facelo asequible ao lector medio.
P: Que se sabe de Galicia no Xapón?
R: En liñas xerais é bastante coñecida, sobre todo polo feito da existencia do Camiño de Santiago. Por iso no libro escribín un capítulo enteiro centrado no Camiño e na súa historia.

Compartir na redes sociais: