Éxito de 'Espantallo amigo' en toda Galicia

Categoría: Nova

Dende o Nadal pasado percorreu o país o espectáculo teatral 'Espantallo amigo' d'Os Quinquilláns Teatro e a Editorial Galaxia. 'Espantallo Amigo' é unha adaptación da obra de Xosé Neira Vilas, dentro do programa de dinamización lingüística Nadal en Rede 2014, da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.
Alí onde se representou encheuse por completo o auditorio para asistir a esta historia de xenerosidade na que atopamos teatro dentro do teatro.
A trama, creada por Xosé Neira Vilas, está contada, na versión teatral d'Os Quinquilláns, polos nenos que, no seu día, conseguiron superar a miseria grazas á xenerosidade do espantallo amigo e que, xa convertidos nun home e unha muller, queren facer unha montaxe teatral que mostre o sucedido.
Este espantallo amigo non é un "espantallo amigo" sen máis. Os Quinquilláns conseguiron argallar unha montaxe teatral que supuxo un diálogo espectacular e novo entre o teatro e a literatura, entre a narración e a representación. Unha forma diferente de ver o teatro. Unha maneira distinta de ler un libro.
Partindo da obra de Xosé Neira Vilas, Lucho Penabade e Tero Rodríguez ofrécennos a súa lectura desta obra que xa viaxou polos teatros de medio mundo e que agora aterrou en Galicia, acompañada do libro orixinal, en edición especial para esta campaña, para completar un traballo transversal que lles permitiu aos espectadores-lectores comprender as relacións entre as distintas linguaxes artísticas.
Ao mesmo tempo, momentos para a risa, a reflexión e, tras o teatro, para a lectura demorada na casa, xa que todos os que asistiron sairon cun 'Espantallo amigo' nas mans. Porque quixemos que o pouso que quedase dentro dos nosos corazóns despois de coñecer o espantallo e os outros dous adultos (que un día foron neno e nena, como o público asistente), agrome de volta na casa, co libro entre as mans, completando así o ciclo creativo que vai de Neira Vilas ata Os Quinquilláns e dos Quinquilláns a ti.
Se premes na ligazon á dereita destsa liñas poderás ver o vídeo que preparamos sobre este espectáculo para entender mellor este proxecto teatral e literario.

Compartir na redes sociais: