Entrevista con Teresa Moure

Categoría: Nova

A semana pasada Teresa Moure facíase co Premio Ramón Piñeiro de Ensaio coa obra 'Queer-emos un mundo novo. Sobre cápsulas, xéneros e falsas clasificacións’. Co gallo deste galardón mantivemos unha entrevista con ela.

PREGUNTA: É a segunda vez que gañas este premio. Dende o primeiro galardón a hoxe, a voz de Teresa Moure cobrou unha forza notable dentro do sistema literario galego e tamén como ensaísta. Como valoras estes anos entre un e outro premio no que á túa traxectoria se refire?, hai unha liña de continuidade entre a autora de 'A palabra das fillas de Eva' e a actual?
RESPOSTA: Non resulta doado para alguén que escribe valorar a súa produción. Escribir é expresarse dalgunha maneira e quizais o obxectivo de achegar ideas ao debate xeral da cultura e lograr que sexan comprendidas é algo que non se dá feito sinxelamente. Quero dicir con isto que non vexo a literatura como un espazo para obter prestixio, ou para definir traxectorias. E canto á continuidade, si, para min todos os textos que levo publicados son parte do mesmo macrotexto. Véxoos profundamente interconectados.

PREGUNTA: Tense comentado que o teu ensaio vai xerar polémica por esa aproximación á literatura galega desde a teoría «Queer» que o xurado comentou que hai no libro. Cal é a túa impresión sobre isto?, cres que vai darse esa polémica?, e por que?
RESPOSTA: Si, xa se están a dar polémicas a partir de certas críticas rápidas. Creo que debemos pór moito coidado á hora de transmitirmos as ideas dun ensaio como este á prensa porque poden xerarse malentendidos. O meu ensaio ocúpase fundamentalmente de cuestións lingüísticas. Nos últimos anos o masculino xenérico (tipo "todos os galegos") foi Reemprazado nalgúns contornos sociais, tampouco en todos, por formas alternativas que incluísen o feminino ("todos os galegos e todas as galegas") porque sentimos como necesario visibilizar as mulleres. Con todo, creo que corremos o risco de que estes esforzos lingüísticos sexan malinterpretados. As persoas máis novas tenden a avalialos como politicamente correctos e no ensaio inténtase esculcar sobre a capacidade transformadora da linguaxe. Por iso arguméntase en favor do uso de formas como galeg@s, galeg*s ou galegXs, aínda pouco instaladas entre o sector máis normativo e, especialmente, en favor de formas como "o pobo galego", "as persoas da ciencia" ou "accionariado", "cidadanía" ou "alumnado". Desta maneira evitamos o binarismo (non todos os seres humanos son decididamente homes ou mulleres) e cuestionamos unha educación que nos predispón a pecharnos en cápsulas.
Dentro desta reivindicación de superarmos os xéneros, de transcendelos, traballo na teoría queer, un modelo moi vivificante chegado da filosofía e que entronca con traballos que fixen noutros momentos: eu doutoreime cunha tese sobre filosofías non-discretas, ou sexa sobre a defensa de modelos alternativos ao "ou branco ou negro", defensores dunha gama de grises. Neste sentido, só dentro dun debate moito máis xeral, abordo a cuestión da literatura galega como literatura queer. Mais eu non estou argumentando sobre a orientación sexual das autorías ou dos personaxes. A literatura galega é queer porque é a literatura dunha nación sen estado, feita sobre unha lingua minusvalorada e, neste sentido, é un produto subversivo, desafiante e incómodo.

PREGUNTA: No libro abórdase a construción das categorías home/muller. No fondo, a cuestión da identidade. Existe de seu?, é sempre unha construción social?
RESPOSTA: No libro ábrese a porta á posibilidade de que calquera categorización resulte insatisfactoria. Cada día ouvimos a máis persoas rexeitando seren etiquetadas; esixindo seren interpretadas como suxeitos autónomos. Non nego a identidade de xénero, simplemente considero a posibilidade de aceptarmos que non é sempre e para todos os suxeitos binaria. Sempre que un home non quere aceptarse como o típico home, sempre que unha muller non se axuta ao molde elaborado para ela desde a cultura, estase a negociar a identidade.

PREGUNTA: Para rematar: no teu ensaio o feminismo tamén resulta revisado. Que lectura pensas que poden facer os colectivos feministas desa revisión que propós?
RESPOSTA: Non, eu non podo revisar o feminismo, entre outras cousas porque o feminismo como tal non existe. Existen feminismos diversos, distintas teorías, distintos activismos. E o meu ensaio nace dentro dalgunhas correntes feministas; loxicamente propias deste tempo, distantes quizais do feminismo de hai 40 anos, que é o que habitualmente aparece como tipo. Como persoa integrada en redes e colectivos feministas, imaxino que o ensaio representa boa parte do sentir do feminismo galego actual.

Compartir na redes sociais: