VPA e a crise

Categoría: Opinión

Hai uns días, o fillo de Valentín Paz-Andrade puña ao seu pai como exemplo posible de camiño a imitar para sair da crise. A idea deixoume pensando un bo anaco. E cheguei a conclusión de que si. Claro que si. Valentín Paz-Andrade é digno de admiración como home de letras, como galeguista comprometido cunha idea de país e de sociedade sempre en clave galega. Pero VPA é tamén un exemplo a un nivel empresarial, un home de acción cos pés ben chantados na praxe coa idea de crear riqueza dende nós e para nós. E iso aplicouno, a pesar do dificilísimas que foron as circunstancias, históricas e persoais, que lle tocou vivir, ao xornalismo, á empresa, case que a cada poema, ao estudo académico, a todos e cada un dos contactos que, coas miras sempre postas na mellora do país, mantivo dentro e fóra de Galicia.
A palabra crise é a que máis escoitamos dicir nos últimos tempos. Repítese ata o desasosego. E ás veces incluso semella que non temos nin aire para respirar. Que tamén iso van recortarnos. Paz-Andrade viviu unha época que era un recorte toda ela, que era limitada dende todos os puntos de vista. E, a pesares diso, foi quen de prender fachos de luz xigantesca que alumearon a  moitos e a moitas, coma hoxe, como ben nos lembraba o seu fillo, debería seguir alumeándonos.

Compartir na redes sociais: