Con motivo da visita a Galaxia da segunda promoción do Instituto Santiago Apóstol de Bos Aires puidemos conversar cun dos seus profesores, Carlos Javier Rodríguez Brandeiro, director do Departamento de Lingua e Literatura Galegas do Colexio Santiago Apóstol de Bos Aires, e Secretario Técnico Educativo da delegación arxentina da Fundación Galicia-América:
-Imaxinamos que debe de ser moi emocionante para todos vós vir a Galicia, ¿como o están a levar os rapaces?
Para os rapaces está a ser unha experiencia fantástica. A maioría ten vínculos sanguíneos con Galicia, mais só a coñecían a través das materias didácticas, coñecen a historia, a xeografía, a literatura. Faltáballes ver todo isto in situ e agora que están aquí admíranse da súa beleza. Un dos rapaces dicíame o outro día: "A verdade é que Galicia é ben bonita".
– Algo que chama moito a atención é que eles falan galego enormemente ben. ¿Como é a experiencia de traballar a lingua galega con eles?
Penso que en moitos casos os profesores somos os culpables de que os rapaces non falen galego. Hai que deixar de lado os temas teóricos e centrarse máis nas cuestións afectivas. Nós afrontamos a aprendizaje de forma particular para lograr estes obxectivos. Os resultados son bastante bos, os rapaces poden manter unha conversa fluida. Contamos coa ventaxa dunha gran receptividade por parte do alumnado, cada vez son máis conscientes de que o galego pode axudalos a relacionarse no mundo, especialmente con Brasil.
– ¿Como valora o coñecemento da cultura e da lingua galega en Arxentina?, ¿ata que punto é importante?
O camiño emprendido por Galicia, culturalmente falando, era moi dispar do que a comunidade galega na Arxentina estaba a vivir: basicamente gaita, muiñeira e pandeireta. Había un descoñecemento da realidade cultural actual.
Nos últimos anos estase a dar un cambio, hai unha reunión de lectores galegos todos os sábados no Café Tortoni, organizada por Débora Campos e Andrea Cobas; hai obradoiros da fala, nos que a xente se reúne para falar en galego; e iniciativas como o Instituto, gardián que vai facer que a lingua e a cultura galegas permanezan vivas polos menos por dez anos. Son os novos quenes deben transmitir aos maiores a realidade actual galega, que aquí reciben con rigor e así a transmitirán.
O noso centro ten as portas abertas para que todo o mundo teña acceso e poida sentirse galego. Oxalá todos os escritores galegos vaian a dar conferencias ao Instituto
– ¿Como está sendo a experiencia cultural da viaxe?
Oxalá se poida seguir facendo. Hai que deixar claro que os rapaces co seu traballo pagaron esta viaxe, mais hai que agradecer que contamos coa colaboración de Xunta de Galicia que nos cede un autobús e o aloxamento no albergue e a xenerosidade de todas as institucións e persoas que nos reciben. Para os rapaces que cursaron 8 horas á semana en galego de lingua, literatura, xeografía e historia de Galicia, esta viaxe significa a culminación dos seus estudos. Este ano viaxamos coa segunda promoción do instituto, o ano pasado estivemos coa primeira promoción. Agardamos que se poida seguir facendo.
– ¿Cal é a súa impresión sobre a Fundación Penzol e a visita á nosa editorial?
É importante porque os rapaces ven in situ cousas que xa coñecen. Por exemplo, vimos de ver na Fundación Penzol a mesa camilla de Ramón Piñeiro. Todos os anos facemos actividades arredor do Día das Letras Galegas e a do ano pasado foi "Ramón Piñeiro ou a mesa cósmica". Tamén me preguntaban se tiñan alí cantigas medievais.
A visita a Editorial Galaxia interésanos polo seu papel histórico na defensa da cultura galega, e tamén porque é a casa de algúns dos autores que nos visitaron no colexio.