Entrega do Premio Trasalba a Agustín Fernández Paz

Categoría: Nova

Este domingo 29 de Xuño na Casa Grande Cimadevila (Amoeiro), casa museo de Ramón Otero Pedrayo, o escritor Agustín Fernández Paz será a personalidade da cultura galega homenaxeada na Festa Anual que organiza en Trasalba a Fundacion Otero Pedrayo. Así o decidiu por unanimidade a xunta de goberno da institución, logo de considerar propostas que chegaron tanto dende dentro como dende fóra da fundación.
Os promotores do premio, que este ano chega á edición número 32, valoraron moi especialmente a significación de Agustín Fernández Paz (Vilalba, 1947), no eido da literatura dirixida aos lectores máis novos (infantil e xuvenil), ámbito no que o autor ten acadado recoñecida sona dentro e fóra das nosas fronteiras, así como o seu compromiso coa lingua e os movementos de renovación pedagóxica que empezaron a desenvolverse a partir dos anos 80, un eido que ata agora non fora considerado na nómina de Premios Trasalba, o que sen dúbida os enriquece.
Entre outros galardóns, Agustín Fernández Paz posúe o Premio Merlín (1989), o Premio Lazarillo (1990), o Premio Ourense de Banda Deseñada (1992 ), o Premio EDEBE (1994, 2005), o Premio Barco de Vapor (2003), o Premio Martín Sarmiento (2006), o Premio Xerais de Novela (2007), o Premio Iberoamericano SM de Literatura Infantil (2011), o Premio Anxel Casal (2011), o Premio Lousada Diéguez (2012) e, entre outros moitos, o Premio Nacional de Literatura no ano 2008.
Varias veces recibiu o Premio da Crítica e estivo seleccionado na Lista de Honor do IBBY. Igualmente foi agasallado pola Asociación de Escritores en Lingua Galega, a Federación de Libreiros de Galicia, Galix, etc. A súa obra está a traducida a diversos idiomas.
Francisco Castro, escritor e presidente de GALIX, será a persoa encargada de escribir a laudatio do galardonado e a fundación prepara para a ocasión un libro homenaxe, publicación tradicional tamén nos últimos anos, arredor da personalidade, traxectoria e biografía de Agustín Fernández Paz. O premio ten carácter honorífico e está representado por unha figura de bronce do patriarca das Letras Galegas, obra do escultor Manuel Buciños, Na edición anterior a persoa homenaxeada foi a gaiteira Cristina Pato, que estará presente na celebración e dará o relevo a Agustín Fernández Paz.

PROGRAMA

9,30 horas
Dianas e alboradas

10,30 horas
Reunión do Padroado da Fundación Otero Pedrayo na biblioteca do Centro de Estudos Oterianos

12,00 horas
Misa votiva en memoria de Ramón Otero Pedrayo, oficiada por Manuel Cabada Castro, na igrexa parroquial de San Pedro de Trasalba

12,30 horas
Actuación da agrupación folclórica Queixumes dos Pinos, de Ourense

12,45 horas
Acto literario no auditorio da Casa Museo Ramón Otero Pedrayo. O neno na escola.
Intervención de Lucía Castro Reboreda

Homenaxe a Agustín Fernández Paz
XXXII Premio Trasalba
Laudatio de Francisco Castro

Presentación do libro Agustín Fernández Paz. Na casa da esperanza
Intervención de Agustín Fernández Paz

14,15 horas
Xantar de amizade no souto de Trasalba

Compartir na redes sociais: