Entrega do premio Rosa dos Ventos a Víctor F. Freixanes

Categoría: Nova

"As culturas sostéñense sobre o capital humano, sobre a intelixencia, sobre os homes e mulleres que son capaces de soñar o futuro", asegurou o xoves o director xeral da Editorial Galaxia, Víctor Fernández Freixanes, ao recibir de mans dos alumnos do Instituto Santiago Apóstol o premio Rosa dos Ventos.

Na cerimonia engadiu que ese rapaces arxentinos que se forman na cultura galega son unha "enerxía capaz de mover o mundo". "Estes rapaces son a enerxía capaz de mover o mundo", asegurou o xoves o director xeral da Editorial Galaxia, Víctor Fernández Freixanes, cando recibiu de mans dos alumnos de 5º curso de bacharelato do Instituto Santiago Apóstol de Bos Aires a primeira edición do premio Rosa dos Ventos, que eles mesmos crearon. E engadiu: "A cultura é cariño".

Na cerimonia, que tivo lugar no colexio, o escritor e xornalista explicou que "as culturas sostéñense sobre o capital humano, sobre a intelixencia, sobre os homes e mulleres que son capaces de soñar o futuro e que son capaces de transformar a realidade a partir do coñecemento". Por iso, engadiu: "A clave está no coñecemento, no estudo. E, con iso, ser capaces de transformar a realidade para construír un mundo mellor".

Freixanes, que tamén é profesor na Universidade de Santiago de Compostela (USC), subliñou a importancia da educación para a defensa da identidade cultural: "Temos que ser capaces de crear institutos de formación e creación para rapaces e rapazas de futuro polo mundo adiante coa marca da cultura galega integrada na construción dos respectivos países de acollida", dixo.

O académico lembrou ás sociedades galegas espalladas polo planeta, as cales –construídas a partir da forza do traballo, da intelixencia e da xenerosidade– se converteron en "centros de reafirmación de Galicia", segundo definiu.

Neste punto, recalcou a importancia da cidade de Bos Aires como capital da dignidade de Galicia entre os anos 1936 e 1970 e, lembrando os nomes do músico Andrés Gaos, do galeguista Castelao, do pintor Luís Seoane, dos escritores Eduardo Blanco Amor ou Xosé Neira Vilas e do intelectual ceramista e empresario Isaac Díaz Pardo, remarcoulles aos mozos que "a cultura galega non é só a música e a poesía, as artes plásticas, o teatro, o cine… a cultura tamén é empresa. Pescanova e Zara tamén son cultura galega", afirmou.

Pola súa parte, o presidente da Delegación arxentina da Fundación Galicia América, don Manuel Peleteiro Pérez, visiblemente emocionado, definiu a Víctor Freixanes coma "o mellor embaixador que tivo o Instituto Santiago Apóstol": "Estás presente cando estás acó e estás máis presente aínda cando te atopas na Galicia querida".

Na lectura da acta de concesión do premio, os alumnos recalcaron que "a figura do señor director xeral da Editorial Galaxia representa para o alumnado e para a institución un guieiro que acubilla o respecto polo labor desenvolvido nesta beira do Atlántico en prol da cultura galega".

Do mesmo xeito, engadiron: "Ao longo destes anos, o profesor Freixanes non deixou de acudir á institución en todas cantas viaxes realizou á capital arxentina, apoiou os traballos do centro educativo, acompañou o crecemento institucional e, en moitos casos, introduciu na nosa realidade a importantes figuras académicas e políticas da nosa cultura."

E remataron: "Por riba, non deixou de espallar con criterio obxectivo, alleo a galanos de compromiso, os traballos do instituto en todas cantas oportunidades tivo tanto na Galicia administrativa como na da diáspora."

A cerimonia iniciouse ás 11 da mañá coa entrada do homenaxeado no salón de actos Valle Inclán do Centro Galicia escoltado polos rapaces e rapazas de 5º curso de bacharelato ao son dos acordes de gaita interpretados polo mestre Daniel Pazos.

Logo de ocupar os lugares reservados no escenario, tras acompañar os himnos arxentino, español e galego, procedeuse á cerimonia de entrega do premio nun clima protocolario de profundo respecto. O coro escolar da institución puxo remate ao acto coa interpretación dos temas "A dama e o cabaleiro" de Álvaro Cunqueiro e "Maio longo" de Rosalía de Castro. Logo do evento, alumnado e homenaxeado compartiron un pequeno refrixerio en privado.

Compartir na redes sociais: