Falábase de Carlos

Categoría: Opinión

Quero dicir nos días aqueles do 68, cando eu bulía nun Santiago rebentón como un caravel de caraveles. Falabase de Carlos, digo, como un escritor cheo de futuro, tamén dun ensinante desterrado lonxe de Galicia. Falabamos de Carlos, líamos tamén Vento ferido, con luvas realistas para agachar os sabañóns nas mans de aquelas noites húmidas. Logo viñera Luís Mariño (outro que se nos foi tamén de morte madrugada) con Cambio en tres, e o 68 viña de pasar e aquel antroido non daba rematado. Senón que xente como Carlos Casares, liberal (isto é, xeneroso) de verdade, axudaba pasar a treboada. E logo, por fin, vino en persoa en xa non sei que esmorga ao abeiro de Voces Ceibes. E despois, despois tantas veces. A penúltima, coido, en Mondoñedo, en tertulias de noite con Gamallo Fierros ao fondo e Carlos de anxo gardián. A derradeira nun choio do Pen Clube en Santiago, e eu fora ao hotel procurarlle un charuto a noso Carlos e o seu agradecemento era un sorriso infindo. Souben da morte de Carlos, través do móbil, diante de “Las Meninas”, no Museo del Prado. Nova tan aceda e ruín. Aínda non a din entrañado, a Carlos Casares tanto, sempre, desde os días aqueles nos que era presencia bretemosa, escritor e ensinante entre nubes lonxanas.

Compartir na redes sociais: