ENTREGA DO PREMIO GARCÍA BARROS E CEA LITERARIA

Categoría: Nova

O venres, día 12 de decembro, entregouse na Estrada o Premio García Barros ao escritor Alberto Ramos pola súa novela Máscaras rotas para Sebastian Nell, publicado por Editorial Galaxia. Posteriormente, celebrouse unha Cea Literaria cun coloquio na sobremesa no que se debateu arredor do tema "A subxectividade como protagonista da novela: o punto de vista subxectivo e a súa representación como colectivo a través da literatura". Este é o oitavo ano consecutivo que se celebra tanto a Cea Literaria coma o coloquio, que escolle como punto de partida un asunto relacionado coa obra gañadora.

No decurso do debate falouse da narración como unha visión duplamente subxectiva, por unha banda a da escolla que realiza o autor sobre determinados fragmentos da historia e, por outra, a da subxectividade do personaxe como recurso narrativo. A discusión centrouse posteriormente en se é posible acceder a unha realidade independente do subxectivo ou se, pola contra, se debe pensar nun "realismo subxectivo" coas consecuencias que ten de fixar límites subxectivos para un xénero narrativo coma o da novela, que conta cunha recepción moi ampla.

Participaron, ademais de Alberto Ramos, outros gañadores do premio en edicións anteriores (Xosé Monteagudo, Xabier López López, Antonio Piñeiro, Xerardo AgraFoxo, Xesús Constela e Antón Riveiro Coello), críticos literarios (Xosé Manuel Eyré, María López Sández, Armando Requeixo e Inma Otero Varela), xornalistas (Montse Dopico e Iago Martínez) e escritores (Iván García Campos, Berta Dávila, Xosé M. García Trigo e Adolfo Caamaño), xunto cos editores Víctor F. Freixanes e Carlos Lema, acompañados, entre outros, por Valentín García Gómez, secretario xeral de política lingüística.

Compartir na redes sociais: