Camilo Nogueira, un dos nomes clave na evolución do nacionalismo galego, recibirá o Premio Moncho Valcarce á Defensa da Terra, galardón creado pola Irmandade que leva o nome do activista antifranquista, coñecido como O crego das Encrovas.
O escritor e político recibirá o seu premio nunha gala organizada pola Irmandade Moncho Valcarce o próximo sábado, 26 de marzo, na Coruña. A Irmandade é unha organización impulsada polos amigos, compañeiros e familiares de Valcarce. O seu obxectivo é perpetuar a memoria deste crego como exemplo de entrega e compromiso co pobo galego. A asociación creou un Centro de documentación agrarista onde se recompila todo tipo de documentos e bibliografía respecto disto e, sobre todo, o material relativo ás loitas agrarias nas que o crego participou.