Elena Poniatowska, Premio Cervantes 2013, no catálogo de Galaxia

Categoría: Nova

Elena Poniatowska recollerá mañá en Madrid o Premio Cervantes, un galardón de moito prestixio dentro das letras en castelán. No ano 2009, un mollo de escritores e escritoras, en colaboración coa AELG, recibiron a encomenda da Editorial Galaxia para verquer os relatos presentes no seu libro 'A filla do filósofo', á lingua de nós.
Na tradución participaran Francisco X. Fernández Naval, Xabier López López, Elvira Riveiro Tobío, Isidro Novo, Eva Veiga, Anxos Sumai, Rosa Aneiros, Xavier Queipo, María Reimóndez e Francisco Castro.
No libro presente no noso catálogo xa se poden apreciar os temas característicos que singularizan á autora e periodista: a denuncia da situación da muller, a importancia de non calar diante das inxustizas, a defensa do xornalismo como un importane exercicio liberador para o conxunto da sociedade, o lugar central dos libros e a literatura na súa vida, a loita a prol dos máis desfavorecidos…
Co Cervantes recoñécese á autora e periodista unha vida dedicada, con paixón e compromiso, ás letras en todas as súas variantes. Dende a Editorial Galaxia sentímonos orgullosos de contar coa súa obra no noso catálogo.
(Na foto, con algúns dos tradutores e o presidente da AELG na Feira do Libro de Santiago en 2009 cando veu presentar a edición en galego e a recoller o galardón da AELG como 'Escritora Galega Universal')

Compartir na redes sociais: