Na primeira metade do século XX, milleiros de mulleres saíron soas de Galicia cara a América. Moitas delas eran ilegais, con papeis que falsificaban a súa idade e mesmo a súa identidade. Historias ordinarias como a de Merce, destinada a servir e, entre luscose fusco, despedida.
Sen lugar onde ir nin a quen acudir, Merce pasa tres días e tres noites encrequenada na Estación Constitución onde a súa vida entrenza coa de outras migrantes. Á par dun traballo na fábrica Mil8, Merce casa, asiste a clases de contabilidade nalgunha das Sociedades Galegas mais un bo día a norma esnaquiza por algo tan simple como prendarse dunha situación quesaínda non é quen de nomear.
MARGARITA LEDO ANDIÓN. BIOFILMOGRAFÍA
Poeta e escritora, da súa novela Porta Blindada sae a personaxe masculina central do filme A cicatriz branca; investigadora e autora de obras sobre cinema autoral como Cine de fotógrafos (2005), Premio Espais d’Art Comtemporani; cineasta experimental en Illa (2009) ou en Cienfuegos, 1913 (2009); axitadora política e feminista, fai dialogar todo o que na historia ficou sen desenvolver nos seus documentarios Santa Liberdade (Galiza/Brasil/Venezuela, 2004) e en Liste, pronunciado Líster (Galiza,2005), para desenvolver proxectos académicos en torno ás pequenas cinematografías, as políticas da diversidade e os novos modos de consumo cultural.
É catedrática de Comunicación Audiovisual da USC, numeraria da Real Academia Galega, preside e co-preside diferentes asociacións científicas locais e internacionais no eido das Ciencias da comunicación, e coñeceu o exilio durante a ditadura franquista.