A Esmorga obtén 16 candidaturas aos Mestre Mateo

Categoría: Nova

A longametraxe A Esmorga, baseada na novela homónima de Eduardo Blanco Amor, conta con 16 nominacións nos Premios Mestre Mateo 2015, o que a convirte na obra con máis candidaturas da presente edición. A película, dirixida por Ignacio Vilar e coproducida por Vía Láctea Filmes, Editorial Galaxia e TVG, opta a premio en 13 das 25 categorías: mellor Longametraxe, mellor Interpretación masculina protagonista (ao que optan os tres protagonistas da película, acaparando tres das catro candidaturas), mellor Interpretación feminina de reparto (con dúas das catro opcións), mellor Dirección, Guión, Dirección de fotografía, Dirección de arte, Dirección de produción, Montaxe, Música orixinal, Son, Maquillaxe e perruquería e Vestiario. Os académicos terán que escoller nas próximas semanas os gañadores, que se coñecerán na gala dos Mestre Mateo o vindeiro 11 de abril, no auditorio de Palexco, en A Coruña.

A novela de Eduardo Blanco Amor e a adptación cinematográfica que tanto éxito leva acadado entre o público galego (15 semanas na carteleira e máis de 50.000 espectadores só en Galicia) viaxarán da man polo resto do Estado a partir do próximo mes de maio.

Compartir na redes sociais: