No Museo do Mar de Galicia, en Vigo, celebrouse onte a presentación da reedición de Castelao na luz e na sombra, de Valentín Paz-Andrade. Galaxia aproveitou o pulo da figura de Paz-Andrade, a quen se lle dedicou este ano o Día das Letras Galegas, para recuperar unha obra senlleira. É, en palabras do editor, Victor F. Freixanes, «un libro de catálogo, deses dos que unha editorial se sente orgullosa», «é o discurso dunha parte moi importante do pasado século e o discurso do galeguismo. É algo de memoria propia de despedida, de testamento», sinalou.
O director xeral de Galaxia estivo acompañado na presentación polo fillo do homenaxeado, Alfonso Paz-Andrade, o autor do limiar do libro, Miguel Anxo Seixas, e o conselleiro de Cultura e Educación, Xesús Vázquez Abad. O prologuista destacou a 'ousadía' de Paz-Andrade ao escribir unha historia centrada nun mito coma Castelao, persoeiro co que o autor mantiña unha excelente relación e admiración.
Finalmente, o conselleiro Xesús Vázquez destacou do autor que "Paz-Andrade lémbranos a importancia de confiarmos nos nosos recursos, de organizarmos, de nos abrirmos ás solucións colectivas".
Escrita entre abril de 1980 e outubro de 1981, e publicada ao ano seguinte, Castelao na luz e na sombra supón un intenso traballo previo de investigación e documentación, de recompilación de textos e de consultas con testemuñas por parte de Valentín Paz-Andrade. No ano 1986, Edicións do Castro publica a segunda edición, corrixida e aumentada, da que se parte para a nova edición que publica agora Galaxia na nova colección 'Grandes biografías'.