Editorial Galaxia celebra o Ano Ramón Piñeiro

Categoría: Nova

Comisariada polos profesores Henrique Monteagudo e Carlos Fernández, a exposición "Ramón Piñeiro (1915-1990). Olladas no futuro" inaugurarase o próximo día 15, venres, na sala Uxío Novoneyra en Lugo, coa presencia do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, e viaxará despois polas cidades da Coruña, Vigo e Santiago de Compostela, onde cerrará o ano. Dous meses en cada cidade.
Un día antes, o xoves 14, a Fundación Penzol recuperará o famoso gabinete da mesa braseiro de Ramón Piñeiro, na sede da Casa da Cultura desta cidade, onde dende hai anos está habilitado un espazo específico con esta finalidade.

A famosa mesa braseiro
Nesta habitación, dende os anos máis duros da postguerra ata a transición política e a consolidación da autonomía dos anos 80, traballouse de xeito incansable a prol da lingua galega e da recuperación da identidade cultural e política de Galicia.
Estaba situada na rúa Xelmírez, 15, en Santiago de Compostela. Dende o próximo xoves poderá visitarse con carácter definitivo na Casa da Cultura de Vigo, na sede da Fundación Penzol, institución promovida en 1963 polo grupo Galaxia, e onde están instalados os fondos históricos, bibliográficos e documentais, do galeguismo do século XX.
Trátase dunha recreación, promovida polos equipos da propia Fundación Penzol, coordinados por Henrique Monteagudo, María Dolores Cabrera e Xosé Soutullo (Merlín Comunicación), con escenografía de Rodrigo Roel, na que se recuperan as estanterías, anaqueis, mesa braseiro, cadros, libros e mobiliario que pertenceron no seu día a Ramón Piñeiro. Colaboraron nestes traballos o Concello da cidade viguesa (Concellería de Cultura) e a Consellería de Cultura e Deportes da Xunta de Galicia.

Exposición intinerante
Na exposición que se inaugurará en Lugo o próximo venres, ás 12 horas, participan ademais de Editorial Galaxia e a Fundación Penzol, a Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega, o Concello de Lugo e a Presidencia da Xunta de Galicia.
En 18 paneis, e arredor dunha recreación esnográfica da mesa braseiro de Ramón Piñeiro, como símbolo dunha época, faise un percorrido pola vida e obra do galeguista de Láncara, así como polos principais acontecementos da Galicia do século XX. En 7 vitrinas amósanse manuscritos, obxectos, documentos persoais e algunhas mostras da inxente correspondencia que, ao longo de toda a vida, Ramón Piñeiro escriubiu e que foi parte importante do seu labor socrático a prol da recuperación da lingua e da cultura.
Completan a exposición tres pantallas de plasma na que se recollen imaxes de Piñeiro e unha base de datos multimedia para acceso de curiosos e escolares. O deseñador foi Xosé Díaz e o escenógrafo, que reconstrúe simbolicamente parte do gabinete da rúa Xelmírez, Rodrigo Roel.

Presentación de libros
Mañá, mércores, día 13, preséntanse en Santiago de Compostela (librería Couceiro) novas entregas bibliográficas arredor da figura do galeguista.
Xesús Alonso Montero vén de publicar, na colección MEMORIA, "Ramón Piñeiro ou a reinvención da cultura galega", unha recreación e retrato persoal de Piñeiro, con quen mantivo unha estreita relación; Helena González e María Xesús Lama prepararon a correspondencia entre Basilio Losada e Ramón Piñeiro (1961-1984), case que cincocentas cartas; Henrique Monteagudo é o recopilador e editor de novos ensaios dispersos de Ramón Piñeiro, reunidos baixo título "O espertar da conciencia galega. Galeguismo, cultura e identidade", que sairán continuando a Biblioteca de Autor; Beatriz García Turnes vén de publicar hai pouco "Vida e obra de Ramón Piñeiro" (colección Letras Galegas).
Para despois do verán está prevista a edición da tese de doutoramento do profesor Miguel Barros, dirixida polo catedrático Ramón Maiz, arredor do pensamento e a acción política de Piñeiro, así como a recuperación dos seus "informes políticos" como activista na clandestinmidade e novas series da súa inxente correspondencia, nesta ocasión a que mantivo con Xosé Luis Franco Grande. Para o ano 2010 prepárase a que cruzaron durante toda a vida Francisco Fernández del Riego e mais el, fundadores e primeiros directores da revista GRIAL.

Compartir na redes sociais: