"O prodixio dos zapatos de cristal" entra na lista White Raven 2009

Categoría: Nova

A prestixiosa Internationale Jugendbibliothek München, un dos principais referentes mundiais na atención ao libro infantil e xuvenil, fixo pública a relación de libros seleccionados pola súa especial calidade, a The White Ravens List 2009, que se presentará na Bologna Children's Book Fair 2009.

Nesta edición, a biblioteca alemá destaca 250 títulos publicados no 2008 en 32 linguas e pertencentes a 48 países. Como xa é habitual, a literatura infantil e xuvenil galega convértese nunha das grandes protagonistas ao ser seleccionados tres títulos, entre outros o Musiconto "O prodixio dos zapatos de cristal" escrito por Xosé A. Neira Cruz, ilustrado por Rodrigo Chao e no que a música da Real Filharmonía dirixida por Maximino Zumalave tivo un especial protagonismo. A narradora do conto é a actrix de dobraxe Teresa Santamaría.

Os outros dous títulos que entran na lista son a novela xuvenil "A Cabeza de Medusa", de Marilar Aleixandre, e "Fume", de Antón Fortes.

A literatura infantil e xuvenil galega, así, volve a ser unha das mellor representadas un ano máis, con máis libros seleccionados que as literaturas de moitos estados e linguas normalizadas. É outro paso adiante na proxección internacional dos nosos escritores/as e ilustradores/as, cada vez máis recoñecidos e premiados en todo o mundo.

Compartir na redes sociais: