Dúas escritoras para presumir de País

Categoría: Nova

As 12 da mañá do sábado, a escritora, cineasta, xornalista e profesora Margarita Ledo Andión (Castro de Rei, 1951) fará a súa entrada oficial na Academia Galega. Será na facultade de Xeografía e Historia da Unversidade de Santiago onde lerá o seu discurso titulado "Do bucle e da fenda. Para un ensaio crítico sobre a cultura galega". Co mesmo, a profesora da facultade de Ciencias da Comunicación e directora do semanario A Nosa Terra entre 1977 e 1980, fará o seu ingreso de forma oficial na RAG, sendo así a quinta muller que fai a súa entrada nesta institución.

Unha hora máis tarde, a escritora Fina Casalderrey (Xeve, 1951) recibirá a homenaxe do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra. Durante a cerimonia, o escritor Antonio García Teijeiro lerá unhas palabras de loubanza referidas a unha das autoras referencias da nosa LIX. Autora prolífica, é tamén profesora, amante da etnografía, conferenciante… Recibiu os premios máis importantes de dentro e de fóra do país, tanto pola súa obra literaria como por algúns artigos xornalísticos.

Margarita Ledo Andión e Fina Casalderrey brillan con luz de seu entre nós e fan brillar así a toda Galicia. Desde a Editorial Galaxia expresamos os nosos parabéns e emocións para ambas as dúas.

Compartir na redes sociais: