Poucas veces un libro semella tan oportuno, tan interesante, tan esclarecedor do contexto e dos protagonistas, ese conflito que volve teimosamente, unha e outra vez, ás páxinas dos xornais. Nas cadeas todas da televisión mundial vense as imaxes da traxedia Palestina, da furia de Israel, das razóns (ou sinrazóns) de uns e de outros, esa especie de loucura que se instala de súpeto sobre as cousas e non non deixa ver nada, agás o pozo e a escuridade.
Miguel Anxo Murado (Lugo, 1965) conta a súa experiencia en terras de Palestina entre 1998 e 2003. Cinco anos de vida entre os palestinos, mesmo con responsabilidades na administración daquelas terras, asesor enviado polas Nacións Unidas. A ollada de Murado é dunha intelixencia que non dubidamos en cualificar de excepcional, e o seu libro é un dos grandes títulos das letras galegas do noso tempo. Se o lector quere saber o que pasa, ou entendelo, entrar no corazón das cousas, velaquí "Fin de século en Palestina".
Dicía Vicente Risco que "o humor é a defensa dos indefensos". Hai moito humor nestas páxinas, un humor fino que permite afondar en cuestións que doutro xeito sería moi difíciles de asimilar. Hai moita tenrura, moita capacidade de observación, análise histórica e reflexión contemporánea, datos, anécdotas, historias que suceden, personaxes que teñen nomes e apelidos (algúns ben coñecidos)… Pero sobre todo non hai doutrina, e iso é o que máis se agradece.
O autor deixa que sexa o lector quen tome posicións. El ten as súas, e non as disimula, mais abondo distanciadas como para non interferir a intelixencia da lectura. Os feitos, canto teñen a intensidade que teñen, vividos en directo e de primeira man, adquiren unha contundencia esmagadora. Non te arrepentirás, lector, desta viaxe. Danos logo a túa opinión, cando chegues á derradeira páxina.