Hoxe, 23 de abril, celébrase en todo o mundo o Día do Libro. E como cada ano, volvemos facer recordatorio da fe común que mantemos arredor deste obxecto que é moito máis ca unha cousa: dentro viven pensamentos, verbas de amor, tramas inauditas, personaxes inesquencibles, ideas para transformar o mundo.
Hoxe reivindicamos, tamén, o libro en galego, a literatura nosa, o pensamento que se expresa na nosa lingua, o noso sistema editorial. En definitiva, neste Día do Libro reinvindicamos o libro escrito en galego, que nos expresa e dá sentido, tamén, que nos iguala e nos pon no mundo e en relación co resto das linguas e culturas do mundo.
E pedimos libros para as familias, e libros para tornar a ledicia nos corazóns, e libros que sexan coma a música, alimento e alento. E pedimos libros que nos fagan arder de paixón. E outros que nos conten o mundo. E outros que nos axuden a entendelo. Pedimos libros, en galego, porque temos fe en nós mesmos, porque sabemos que ten un sentido o que estamos a facer, e que este camiño ten que sair ben porque así o soñaron outros antes ca nós.
Pedimos libros en galego, para competir coa escuridade. Para traernos luz.
Libros para a liberdade.