Día da Biblioteca

Categoría: Nova

Hoxe celébrase en todo o mundo o Día da Biblioteca. Haberá moreas de actos en todas partes, dende as grandes bibliotecas das grandes cidades ás pequerrechiñas no interior das vilas menos atendidas. En calquera caso, hoxe é o día para lembrarnos delas, de que están aí e que, dentro delas, viven os libros, as historias, os personaxes e os corazóns dos e das lectores que levamos toda a vida feridos de amor polas letras das novelas e dos poemas. Pero tamén das revistas, dos xornais, das actividades nas seccións de infantil. E tamén das novas posibilidades electrónicas a partir da rede e que as bibliotecas están sabendo integrar tan ben para atender ás novas xeracións de nativos dixitais.
E aínda que xa sabemos que hai crise e que non hai cartos e que todo son recortes, dende aquí queremos pedirlle aos responsables políticos que non recorten en alimento. E as bibliotecas son alimento. Para o corazón. Que enfraquece e morre sen bibliotecas.

Compartir na redes sociais: