A decisión de suprimir da programación o espazo "Libro Aberto", que dirixía o escritor Luis Rei Núñez e presentaba o poeta Manuel Romón, está a causar fonda preocupación no sector editorial e nos amigos dos libros. Debemos supoñer que os responsables da TVG deseñarán proximamente un novo espazo das mesmas ou similares características para responder á demanda informativa dos lectores e as lectoras, e mesmo para dar cumprimento á misión da televisión pública, que naceu no seu día co mandato de atender a cultura galega e, máis especificamente, o libro galego.
"Libro Aberto" viña ser case que o único espazo que o libro galego tiña na TVG, emitido non sempre ás horas máis axeitadas, pero realizado con calidade. Os amigos dos libros veñen demandando de sempre unha maior asistencia aos libros e ás novidades editoriais na nosa lingua. ¿Que vai suceder agora? Esta é a pregunta. O espazo "Libro Aberto" era unha fiestra plural, dinámica e aberta, pero insuficiente. O libro galego precisa dunha visibilidade que non ten, ou que ten moi precariamente, comparada coa atención que reciben as ofertas do mercado en castelán, e os medios públicos teñen a obriga institucional de encher ese oco. Agardamos acontecementos.