CONTOPLANET, premio LAUS de prata

Categoría: Nova

O proxecto ContoPlanet, a aplicación para iPad e iPhone de libros interactivos que Milrayas, Perro Verde Films e Editorial Galaxia levan algo máis dun ano desenvolvendo, primeira presenza do libro infantil interactivo neste tipo de soportes, e que xa foi recoñecido con varios Premios Eganet a finais do pasado ano, e que tamén foi finalista dos pasados Premios Mestre Mateo, vén de ser recoñecido cun LAUS de prata na categoría de Web e Medios Dixitais e que recoñeceron tamén na mesma categoría a entidades tan importantes como Médicos sen Fronteiras, o Grupo Catalana Occidente, BMW ou Gas Natural Fenosa.
O xurado encargado da selección estivo composto por André Pessoa, premiado co Grand Laus 2010, Anna Coll, Directora de arte en DoubleYou, Marc Cortés, Socio director de RocaSalvatella e profesor de marketing dixital de ESADE, Luis Mendo, Director de arte de GOOD Inc, e Ferran Pruneda, de grapa.ws.
Un novo recoñecemento que vén apoiar a vitalidade da edición na nosa lingua, a cada día máis disposta a conquistar novos territorios para o galego, neste século XXI que é claramente dixital e no que a literatura en lingua galega, como se ve, camiña con paso decidido cara a modernidade.

Compartir na redes sociais: