A primeira das actividades paralelas á exposición A palabra e os días, destinadas a homenaxear e dar a coñecer ao protagonista das Letras Galegas 2008, o escritor e editor Xosé María Álvarez Blázquez, tivo lugar onte no salón de actos da Casa Galega da Cultura.
Presentaron o acto Xesús López Carreira, Concelleiro de Cultura do Concello de Vigo, institución que patrocina este ciclo de conferencias, e Víctor F. Freixanes, quen anuncio que a partir do vindeiro domingo 27 de abril e grazas a unha iniciativa de Editorial Galaxia e El País os lectores deste periódico poderán adquirir por un euro 22 títulos da popular colección O Moucho, editada por Álvarez Blázquez en Castrelos.
O numeroso público que ateigou a sala tivo a oportunidade de compartir con Darío Xohán Cabana o relato intenso das súas lembranzas do amigo, do autor, do editor. E sen dúbida un dos momentos álxidos das celebracións das Letras Galegas 2008 foi o fermoso e escollido recital da obra poética de Xosé María Álvarez Blázquez a cargo dos cinco fillos do homenaxeado.
O programa de conferencias continúa nas seguintes datas:
Martes 29 de abril. Sabino Torres: "Emilio e Xosé María Álvarez Blázquez na colección Benito Soto".
Martes 6 de maio. Víctor Freixanes: "Xosé María Álvarez Blázquez, Editor".
Martes 20 de maio. Pilar Barciela: "Xosé María Álvarez Blázquez, Arqueólogo".