O cantautor Luis Emilio Batallán presentará o seu novo libro-disco HABÍA QUE CHEGAR. Celebrarase no Claustro Barroco do Mosteiro de Celanova e a entrada será de balde.
Luis Emilio Batallán, autor do disco en galego máis vendido da historia (Ahi ven o maio, 1975), lanza o seu novo álbum 'Había que chegar', publicado por Editorial Galaxia en formato disco-libro-deuvedé e que este venres poderá escoitarse en Celanova.
Nesta ocasión Batallán non se limita unicamente, como fixera noutros discos do pasado, a musicar poemas dos grandes autores da literatura galega, como Rosalía de Castro, Álvaro Cunqueiro ou María Mariño (autora do poema que dá título a este novo traballo), xa que a maioría das letras son composicións propias, no que supón o seu debut como letrista.
A obra, publicada pola nosa editorial, consta dn libro no que os seguidores de Batallán poderán atopar a letras dos poemas musicados e un deuvedé no que se recolle a actuación no Teatro Principal de Santiago do pasado 17 de outubro, ademais dunha conversa con Víctor F. Freixanes, director xeral de Galaxia, na que dialogan arredor do espírito entusiasta reinante na música galega da transición e a súa evolución ata o día de hoxe.