Carlos: a primeira e a derradeira

Categoría: Opinión

Sabiamos o un do outro había tempo, Ramón Piñeiro polo medio. Mais nunca nos viramos en Galicia. Tivo que ser en Madrid. Apareceu no meu apartamento co Luís Álvarez Pousa, e observei como andaba a mirar libros polos andeis, ata ficar coa ollada fixa nun de Noam Chomsky.

Pareceume curioso que un de Letras reparase naquel texto sobre a teoría da comunicación e esperei a que preguntase, como fixo: ¿Como diaño tiña un de Ciencias un libro coma ese? Expliqueille que procedía de recomendación feita por un profesor da Escola de Telecomunicación. Aí abriuse unha liña directa entre nós.

Pasados moitos anos, atopeino nunha cafetería de Barajas. Usaba un trebelliño electrónico con pantalla ao que lle acoplara un teclado encartable. Escribía a crónica do día para mandala por correo electrónico. Falamos do que nos parecía unha marabilla técnica. Chamáronme para embarcar e así o deixei, con promesa de encontro e conversa sobre modernidades telemáticas, en Vigo, ollando o mar.

Non puido ser; pero, se cadra, anda a conversar con Steve Jobs, que sabe máis ca min.

Compartir na redes sociais: