Catro historias de emigrantes

Categoría: Nova

"Existe outra Galicia fóra de Galicia". Manuel Losa recolle a memoria de catro protagonistas da Galicia de Montevideo (Catro historias de emigrantes, colección Memoria) e presentounos na Galicia de Bos Aires, na Federación de Sociedades Galegas da rúa Chacabuco, un dos grandes centros históricos da colectividade na Arxentina.

Presidiu o acto o presidente da Federación, Francisco Lores, e comentou o libro o historiador Rui Farías, quen recentemente se doutorou na universidade de Santiago de Compostela cun traballo sobre a emigración galega no concello de Avellaneda e no sur de Bos Aires. Tamén particiou no acto o director xeral de Editorial Galaxia, Víctor F. Freixanes.

Manuel Losa (Santiago de Compostela, 1940) falou da súa experiencia como emigrante en Montevideo, a onde chegou no ano 1953, e da memoria dos protagonistas do seu libro, algún deles persoeiro significado na historia da cultura galega alén mar, como Antón Crestar, colaborador de Xesús Cabanal e compañeiro de Manuel Meilán nos labores da colectividade galega, o Consello de Galiza e o Patronato da Cultura Galega de Montevideo, mais outros tamén significativos en distintos ámbitos como Xosé Lage Sierra "Pepe Montoya", Eduardo Martínez Filgueira "O cañotas" e Isidoro Manuel García García.

Historias do común, mais representativas dunha aventura humana que, por extensión, é a memoria histórica dun pobo que ten unha parte importante da súa poboación espallada polo mundo, moi principalmente nas repúblicas do sur do continente americano.

Compartir na redes sociais: