Onte, cunha importante presenza de público, o escritor de Verín Xosé Carlos Caneiro presentou a súa nova novela, 'Un último destino' nun acto que foi de diálogo co director xeral de Galaxia, Víctor F. Freixanes.
Durante o mesmo, Xosé Carlos Caneiro explicou, tamén diante de preguntas do público asistente, que con esta novela pechaba un ciclo que lle levou a escribir dez novelas, sendo a primeira de todas 'O infortunio da soidade' do ano 92. Con esta nova obra, péchase así o mundo de Dalmara, universo creado por Caneiro e que o converten, así, nun dos autores máis sólidos do noso sistema literario ao ser quen de crear un universo ficcional de seu que conta co recoñecemento de milleiros de lectores e lectoras atesourados durante todos estes anos.