Bota a andar o Proxecto Enclave de dixitalización

Categoría: Nova

Hoxe, en Madrid, ás12,00 horas, na sede da Biblioteca Nacional de España (Sala del Patronato, Paseo de Recoletos), presentarase o Proxecto Enclave que promove a Biblioteca Nacional para dixitalizar obras de editoriais españolas suxeitas a dereitos de autor. A editorial Galaxia permitirá, a través deste sistema, a descarga de 20 títulos do seu catálogo.
No acto de hoxe intervirán a Ministra de Cultura (Dona Ángeles González-Sinde Reig), a Directora Xeral da Biblioteca Nacional de España (Dona Milagros del Corral Beltrán) e o Presidente da Federación de Gremios de Editores de España (D. Pedro de Andrés).
O Proxecto Enclave no que participa a Editorial Galaxia permite, a través da Biblioteca Dixital Hispánica poder mercar en formato dixital 1.350 obras de noventa editoriais. Cada unha delas aporta un máximo de vinte títulos. O usuario pode acceder a estas obras a través da páxina web da Biblioteca, na que ademais dunha ficha con datos como a capa do libro, o sumario, índice e páxinas seleccionadas polo editor para a súa descarga gratuíta, se atopan rexistradas todas as palabras do libro, as cales poden ser consultadas polos usuarios. Editorial Galaxia ofrecerá obras de Otero Pedrayo, Blanco Amor, Fole, Risco, Cunqueiro, García Sabell e Francisco Fernández del Riego.
Esta acción vén a complementar a saída, no pasado mes de novembro, dos primeiros e-Books da Editorial Galaxia, que ten previsto poñer no mercado 50 títulos antes de fin de ano para ir introducindo pouco a pouco o resto da totalidade do seu catálogo editorial.

Compartir na redes sociais: