Autores de Galaxia en Culturgal

Categoría: Nova

Editorial Galaxia levou unha ampla representación de autores e novidades á feira do Lérez, ademais de espectáculos para nenos, música e libros infantís (Mamá Cabra, María Fumaça).
Durante unha fermosa fin de semana, cun magnífico sol de inverno nas rías, Pontevedra converteuse na gran sala de estar dos libros e as producións culturais galegas. Conversas con escritores, sinatura de libros, encontros cos lectores, proxeccións cinematográficas, concertos, xogos, debates…
Fina Casalderrey volveu presentar "Dúas letras", xunto con Eloy Varela (director da curtametraxe). Xavier Alcalá conversou con María Solar (outra autora de Galaxia) sobre a súa novela "Verde oliva". Xosé Monteagudo, en conversa con Alberto Ramos, comentou "O curioso mundo das persoas normais", a sua última entrega narrativa, que acaba de saír. María López Sández presentou "A forma das nubes", Premio Repsol 2012, acompañada por Carlos Lema e María do Cebreiro.
Foron xornadas de moita actividade, mañá e tarde, incluída a presentación de proxectos, como a produción cinematografica "A esmorga", na que dende hai dous anos Galaxia esta a traballar xunto con Vía Láctea Films e o director Ignacio Vilar, todos presentes en Culturgal, que este ano mellorou a cifra de visitantes e superou as expectativas iniciais.
No noso blogue ampliamos a galería fotográfica.

Compartir na redes sociais: