Alí estaban todos. Os discípulos de don Paco. Aqueles e aquelas que, dun xeito ou doutro, se sentían vencellados á relación e as ensinanzas de Francisco Fernández del Riego. Con 97 anos, o intelectual galeguista, fundador e director ata hai poucos meses da Fundación Penzol, fundador da Editorial Galaxia en 1950, membro da Real Academia Galega, da que foi presidente e impulsou un importante proceso de renovación, escritor, símbolo de toda unha xeración, Fernández del Riego, don Paco, está a recibir a homenaxe dos que o quixeron e admiraron.
O vicepresidente da Fundación Penzol, Alfonso Zulueta, o vicepresidente de Editorial Galaxia, Benxamín Casal, o alcalde da cidade Abel Caballero, o tenente de alcalde Santiago Olveira, os concelleiros Eudosio Álvarez e Xesús López Carreira; o secretario xeral de política lingüística, Anxo Lorenzo; o director xeral do Promoción e Difusión da Cultura, Francisco López, en representación da Xunta de Galicia; o actual presidente da Real Academia Galega, Xosé Luis Méndez Ferrín; académicos como Rosario Álvarez Blanco, Xesús Alonso Montero, Ramón Lorenzo, Xosé Luis Franco Grande, Víctor F. Freixanes, o recentemente elixido Henrique Monteagudo; os economistas e pensadores do nacionalismo Xosé Manuel Beiras e Camilo Nogueira, o director do CSIC en Galicia, Uxío Labarta, o presidente da Asociación Galega de Editores, Manuel Bragado, o editor Bieito Ledo; membros do Consello da Cultura Galega, da Editorial Galaxia, das Fundacións Penzol, Isla Couto e Otero Pedrayo, representantes das tres universidades galegas, escritores, artistas, traballadores, sindicalistas, representantes das asociacións de veciños de Vigo e das bisbarras limítrofes, cidadáns, homes e mulleres, ás veces familias enteiras (avós, pais e fillos) pasaron polas dependencias da Fundación Penzol, onde unha sinxela mesa de sinaturas, a carón dunha bandeira de Galicia e un retrato de Fernández del Riego, obra de Xulia Minguillón, acollía o cariño dos visitantes.
Fernández del Riego deixou disposto que non houbese actos de corpo presente e que o seu enterramento se realizase na máis estrita intimidade. Así se fixo, seguindo a súa manda. Mais a cidadanía, o mundo da cultura, reuniuse nas dependencias da Fundación Penzol, que el consideraba o seu fogar cultural, para lle rendir homenaxe.
Será un máis da serie de actos que se anuncian para os próximos días. Despedimos unha das figuras sobranceiras do nacionalismo galego do século XX.