Homenaxe a don Paco

Categoría: Nova

O mércores desenvolveuse polo serán a homenaxe institucional a Francisco Fernández del Riego no CGAC en Santiago. Organizado pola Xunta –e coa colaboración de Galaxia, a Fundación Penzol, a Real Academia Galega e o Consello da Cultura Galega–, o acto congregou representantes políticos, das institucións culturais participantes e da sociedade galega.
A encargada de conducir o acto foi a escritora e xornalista María Solar e contou co acompañamento musical do Cuarteto Rosalía e coas intervencións dos máximos responsables das institucións organizadoras, así como da irmá de don Paco, Ana María Fernández del Riego, quen tomou a palabra para despedir ao seu irmán, como tamén fixeron Xosé Luis Méndez Ferrín, presidente da RAG (na foto, canda a irmá de don Paco e Núñez Feijoo), o presidente da Xunta, o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, o director da Fundación Penzol, Alfonso Zulueta de Haz, e o vicepresidente de Galaxia, Benxamín Casal. Pola súa banda, as escritoras Luisa Castro e Rosa Aneiros leron uns textos para completar un acto que congregou á práctica totalidade das institucións culturais e políticas galegas.
No noso blog damos cumprida información arredor do eco mediático que a homenaxe ten na prensa de hoxe.

Compartir na redes sociais: