Anton Vidal Andión, novo presidente de Editorial Galaxia

Categoría: Nova

Antón Vidal Andión (Pontevedra, 1948) é o novo presidente de Editorial Galaxia S.A., segundo acordou na última xuntanza o Consello de Administración da mesma. Así se propondrá no seu momento á Xunta Xeral de Accionistas. Substitúe no posto a Benxamín Casal Vila, falecido o pasado 30 de agosto de 2013. Dende entón viña desempeñando a presidencia en funcións, con carácter provisorio, Alfonso Zulueta de Haz, vicepresidente primeiro.

Vidal Andión é avogado e licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela. Pertenceu ao equipo fundador da Universidade de Vigo da que, en distintas etapas, foi xerente, vicerrector de asuntos económicos e asesor xurídico, posto este último do que se xubilou recentemente. Na actualidade é vicevaledor do Concello de Vigo.
Noutras etapas foi membro do Instituto de Mediación e Arbitraxe, asesor das centrais sindicais USO e CSG e Árbitro Laboral do Consello Galego de Relacións Laborais

O seu vencello á cultura galega e ao galeguismo vén de moi cedo e ten dimensión tanto cultural como política. Foi fundador de Coalición Galega (1983), pertenceu ao Consello de Redacción da revista "Encrucillada" e foi fundador da publicación "Badal", orientada cara á galeguización da liturxia. Nesta mesma liña forma parte do Consello da Editorial Sept.
Vencellado ao pensamento do avogado Xaime Isla Couto, un dos fundadores de Galaxia, no momento actual era secretario da Fundación Penzol, a Fundación Isla Couto e a Fundación Otero Pedrayo, institucións que dende a súa creación desenvolven as súas actividades no ámbito da histórica editora, así como conselleiro e secretario de Merlín Comunicación, empresa participada cento por cento por Editorial Galaxia. Entre as súas actividades de animación cultural salienta a súa condición de vicepresidente da Asociación Cultural e Medioambiental Canón de Pau (Cotobade).

Compartir na redes sociais: