O escritor Ánjel Lertxundi gañou onte o Premio Nacional de Ensaio, dotado con 20.000 euros, pola súa obra en eúscaro 'Eskarmentuaren paperak' (Os papeis da experiencia), un ensaio en parte autobiográfico ó ter como eixo central os seus propios recordos. No catálogo da editorial Galaxia temos publicadas tres das súas novelas para mozos e mozas, 'Eu tghopezo no eghe', 'Felicidade perfecta', e 'Bícame mon amour'.
Concedido polo Ministerio de Cultura, este galardón recoñece o mellor libro do xénero publicado ó longo de 2009 en español ou en calquera das outras linguas cooficiais.
Ánjel Lertxundi (Orio, Guipúzcoa, 1948) escribiu case toda a súa obra en eúscaro, e aínda que está especializado en literatura infantil e xuvenil, tamén publicou novelas, relatos e ensaios.
Considerado un dos grandes renovadores da narrativa en lingua vasca, Lertxundi utiliza a literatura para experimentar con ela e dedicou boa parte da súa obra ás crenzas tradicionais.