Onte presentábase en Pontevedra, nunha Casa da Luz que quedou pequena para acoller a tantos lectores, Sapos e sereas, a exitosa estrea literaria de Ana Cabaleiro, da que Montse Pena Presas escribía hoxe nas páxinas do Faro da Cultura: “un monllo de relatos que se caracterizan pola ollada feminista que deitan e polas súas protagonistas poderosas, que nalgún momento teñen que romper varias convencións sociais”.
Así mesmo, Pena Presas destaca que “a escrita da autora caracterízase por posuír un estilo lixeiro, que facilita que rapidamente entremos na narración, así como por dominar con abonda pericia a técnica do relato breve e ser capaz de deitar pequenas pegadas que, as máis das veces, nos conducen cara un final inesperado que busca facernos reflexionar”. E conclúe: “seguiremos agardando a que o universo de Ana Cabaleiro se expanda en próximas entregas, porque o seu proxecto literario pode ser interesante”.
Podes ler a crítica do Faro da Cultura ao completo aquí.