Alumnas e alumnos do Santiago Apostol de Buenos Aires visitan Galicia

Categoría: Nova

Da man dos seus entusiastas profesores, Juan Domingo e Vanesa, un mollo de case que vinte alumnas e alumnos do colexio Santiago Apostol de Buenos Aires, un centro escolar que aglutina a moitas e moitos descendentes de galegos e galegas da emigración, traballando cun plano de estudos que lles permite formarse tamén en galego e vencellándose á raigame da Terra, o pasado luns puideron visitar a Fundación Penzol, onde foron recibidos polo seu director, Quico Domínguez, e a Editorial Galaxia, onde foron guiados polas instalacións pola xerente Pilar Sampil, o director de produción, Xosé Soutullo, o director literario de Galaxia, Carlos Lema, e o coordinador de novos proxectos, Francisco Castro.
A mañá comezou na Fundación Penzol. O seu director, Quico Domínguez, logo de explicarlles a orixe da mesma e o seu cometido, guiounos polas instalacións. A rapazada ficou moi impresionada polo que ían descobrindo, en especial mapas moi antigos e incluso un documento en pergameo que puideron ver moi de preto.
Para facer a visita máis completa, o azar fixo que cando saian para coller o seu autobús coincidisen co presidente da Real Academia Galega, quen aproveitou para saudalos e partillar un anaco con eles.
Logo, desprazáronse ata a editorial Galaxia. Alí coñeceron de primeira man xa non só o traballo da editora senón tamén os planes de expansión no futuro, nos que a cidade de Buenos Aires vai xogar un papel esencial. Tiveron ocasión de preguntar canto quixeron e marchar coñecendo un chisco máis a realidade galega, esa que os seus pais e nais tiveron que deixar e que agora eles, dalgunha maneira, recuperan facéndose partícipes, aínda que sexa por unhas horas, de nós.
(no noso blogue deixamos unha galería fotográfica da xornada).

Compartir na redes sociais: