A Esmorga estrearase o 15 de novembro

Categoría: Nova

'A Esmorga' inaugurará a 19 edición do Festival de Cine Internacional de Ourense, unha semana antes de que a película chegue ás salas de cine comerciais. Tiña que ser, claro, en Ourense, a cidade pola que transcorre a novela de Blanco Amor e que na fita é un personaxe máis, onde vexa a luz o vindeiro 15 de novembro a estrea da película, o novo filme de Ignacio Vilar protagonizado por Miguel de Lira, Antonio Durán 'Morris' e Karra Elejalde.
Cibrán, o Bocas e o Milhomes viven unha noite de troula polas rúas de Ourense, nunha esmorga adubada pola bebida na que visitan tabernas e antros da noite. A Praza do Ferro, a Praza Maior, a capela do Santo Cristo ou o Casco Vello da cidade son algúns dos escenarios da película, para a que se rodaron escenas tamén na taberna A Papuxa de Ribadavia.
Producida por Vía Láctea Filmes e a Editorial Galaxia, o proxecto naceu hai seis anos mais foi no mes de febreiro cando se iniciou a súa rodaxe. O día 30 deste mes de agosto o seu director anunciaba que quedaba a montaxe definitiva pechada e o pasado sábado, nunha sala dos Cines Gran Vía de Vigo, persoal da película e da nosa editorial puideron asistir a un primeiro pase privado que nos permitiu comprobar a altísima calidade do produto final.
Logo, como ilustra a foto, tempo para intercambiar opinións abeirados a un aperitivo.

Compartir na redes sociais: