Dezaseis rapaces e rapazas, entre 17 e 18 anos, con dous profesores. Tal é a expedición da última promoción do Instituto Santiago Apóstol de Buenos Aires que estes días percorre Galicia. É a terceira promoción de estudantes que, no derradeiro ano dos estudos preuniversitarios, viaxan ao país dos seus país e dos seus avós. Entre outras institucións visitaron a Xunta de Galicia (onde foron recibidos polas primeiras autoridades de Educación), o Parlamento, o Consello da Cultura Galega, a RAG, a Fundación Otero Pedrayo, a Fundación Penzol e Editorial Galaxia.
O Instituto Arxentino Apóstol Santiago, sostido pola Fundación Galicia-América, atende a arredor de 600 alumnos e alumnas, dende a escola infantil ao preuniversitario: alumnos e alumnas que cursan estudos segundo o Plano Educativo de Galicia, con coñecementos de lingua, literatura, cultura e historia nosas, de xeito que a súa titulación é homologable tanto para as universidades galegas como para o sistema universitario arxentino.
Na fotografía, diante da fachada do colexio, construido a carón do Centro Galicia de Buenos Aires, os alumnos e alumnas da promoción 2012 posan para a posteridade.