Eduardo Galán

Categoría: Recensión

FRANK, UN CARBALLO AMERICANO EN GALICIA

A CUARTA ENTREGA DE FRANK SOUTELO
As novelas do detective norteamericano de orixe galega Fran Soutelo (e xa van catro con 'Un nicho para Marilyn', 'Luar no inferno' e 'Tres disparos e dous friames'), son un divertimento que condensa todas as cousas que lle gustan a Miguel Anxo Fernández e que moitos da súa xeración compartimos e recoñecemos.

Miguel xoga con toda a mítica e a cultura que xira arredor da serie negra, do cine e da novela noir. Vai dos clásicos como Hammet ou Huston aos autores actuais que lle interesan, como Michael Connolly ou ata os personaxes policiais Jaritos e Wallander. Anque, afortunadamente, alomenos para nós, Frank é un tipo máis primitivo e menos atormentado…

FRANK
Frank é un alter ego de Miguel, que, como autor, ademais de pasalo ben co xogo, seguro que lle quita partido como terapia, falando dun xeito incorrecto pola boca do detective de Los Ángeles…e "xa me entenden" que diría Frank.
Ademáis de ter rasgos de Miguel, por dentro e por fóra, o personaxe leva tamén outras marcas culturais: Frank estivo no Vietnam cal Oliver Stone, e a súa teima pola comida, especialmente nesta última novela, lémbranos tamén ao Pepe Carvalho de Vázquez Montalbán. En 'Lume de cobiza' asistimos a auténticas paparotas: Pescada na cazola e bocata de mexilóns con vinagreta made in tía Castora, revolto de ourizos no Pazo do Carmo, bacallao con noces no Vilas, pan de Cea no Mesón do Pulpo do Carballiño e, last but no least, a bacanal no Bar dos Callos na vila do Arenteiro con Sugar Jones delirando polo efecto do tinto ribeiro.

GALICIA
Así que, por primeira vez, despois de que as tres novelas anteriores da serie estiveron ambientadas nos Estados Unidos, esta entrega ten como escenario Galicia. É como un diario de Frank escrito no seu caderno Moleskine percorrendo a terra dos seus devanceiros. O do célebre caderno, no que xa escribía Hemingway, é un dos moitos rasgos retro que nos gusta de Soutelo. Un detective de hoxe que toma notas nun caderno é xa inusual neste mundo de CSI.
As aventuras en Galicia permiten, mais que noutras novelas americanas, a incorporación de moitos elementos reais. Creo que na novela negra é imprescindible a verosimillitude que permite a necesaria inmersión do lector nos ambientes. En 'Lume de cobiza', a descrición de lugares recoñecibles, a presenza de personaxes reais dentro da ficción ou as indisimuladas inclusións de temas sociais, son tan agradecidos como certeiros. Inefable esa soidade das publicacións en galego perdidas entre milleiros de exemplares na Casa do Libro!
De Santiago a Vigo, do Obradoiro á rúa Príncipe, pasando por Muros, Cambados e O Carballiño, a novela pisa terra real.
Hai mil incorporacións cotiás: a Asociación Outeiro, Biblos Clube de lectores, Cinesa Área Central, os desaparecidos cines Rivas e Alameda do Carballiño onde medrou o espírito cinéfilo de Miguel e ata a Muiñeira de Chantada na gaita de Avelino Cachafeiro. Todas son achegas que lle dan unha colorida vida á ficción e nos meten de cheo na historia.

AXITANDO CONCIENCIAIS
Prácticamente todas as citas caprichosas coas que se abre unha novela non lle serven para moito ao lector, pero 'Lume de cobiza' principia con dúas citas cinéfilas e un refrán moi útiles para entender as chaves da historia.
Quizais esta sexa a máis polémica das catro entregas das aventuras de Soutelo pero ten o tono que hai que pedirlle a unha novela negra: axitar conciencias, cunha visión moral, pois esa é a diferencia entre a novela negra e a novela policial… Nestes tempos que corren de moito lume e cobiza, moito ruído e furia… de especulación salvaxe, xuntando no seu argumento ladrillo e lumes.

PERSONAXES MOI VIVOS
En Lume hai unha viva recreación de personaxes, algúns certamente cinematográficos. A estrela invitada da produción é a reaparición, lonxe do seu ecosistema, da contrafigura e eterno inimigo-amigo de Frank, todo un Moriarty para o noso Sherlock. Sugar Jones. Hyronimus (coma O Bosco) Jones, o dono dunha funeraria de Os Ánxeles, necrófago irredento e especialista en negocios de tráfico de corpos, atópase con Frank en pleno Obradoiro. O amante dos cadáveres exquisitos semella agora estar interesado nos ósos do apóstolo Santiago!!!
Entre os personaxes novos destaca Poncio, o garda civil colgado co western, co Monumental Valley, John Ford e John Wayne; tamén Dalama Demoleitor constructor co físico de Sidney Greenstreet, aquel Casper Gutman de "O Falcón maltés" hustoniano.
Pero, por riba de todo, destacan as personaxes femininas: a tía Castora, sempre cun refrán na boca, ou Dalia, a detective privada que supoñemos que leva tal nome pola Dalia Negra de James Ellroy. E, por suposto, está Anxélica, que ten pouco de anxo. Anxélica é unha fantástrica reconstrución da femme fatale clásica, de tan fonda tradición na novela negra desde O Falcón maltés novela- e tamén película- que está moi presente en 'Lume de cobiza'. Xenial a descrición da muller fatal, cunha fonda cicatriz oculta e "con máis batallas enriba que a Enterprise de Star Trek".

QUE FINAL!!!
E o final, brutal e sen concesións, é outra homenaxe a Hammett. Cunha forza que se axiganta cun epílogo lírico: un carballo galego que quere medrar en Malibú.
En fin, por todo o dito, creo que 'Lume de cobiza' é a mellor novela da serie negra galega. E non ten dúbida para nós que Frank é o mellor detective galego de todos os tempos.

Compartir na redes sociais: