Actos arredor de Piñeiro en Barcelona

Categoría: Nova

A figura poliédrica e sempre suxestiva de Ramón Piñeiro é homenaxeada tamén desde hoxe en Barcelona. Entre outras actividades, celebrarase unha mesa redonda baixo do título "Ramón Piñeiro e as relacións con Cataluña", coa intervención de Basilio Losada, catedrático de Filoloxía galego-portuguesa na UB, José Antonio González Casanova, catedrático de Dereito Constitucional, e Víctor Fernández Freixanes, director da Editorial Galaxia e membro da Academia Galega.
No acto presentarase o libro "Do sentimento á conciencia de Galicia. Correspondencia (1961-1984)", de Ramón Piñeiro e Basilio Losada, editado por María Xesús Lama e Helena González. Entre 1961 e 1984, Ramón Piñeiro e Basilio Losada mantiveron unha intensa correspondencia (453 cartas en total), que a Editorial Galaxia vén de publicar. A través desas cartas pódense coñecer polo miúdo os proxectos desenvolvidos polos grupos galeguistas durante a ditadura, a incorporación dos estudos de galego nas universidades de Compostela e Barcelona, a galeguización do Centro Galego de Barcelona, os avances no recoñecemento da lingua a nivel institucional e popular e as revoltas contra o réxime. A finais dos anos sesenta J.A. González Casanova entra en contacto co galeguismo e mantén un intenso contacto cos grupos máis activos, incluído o propio Piñeiro.
Este acto celebrarase hoxe ás 19:30 h. no Edificio Histórico, Aula 113 da Facultade de Filologia, Universitat de Barcelona
(Gran Via de les Corts Catalanes, 585- 08007 Barcelona).
Por outra banda, antonte abriu na capital catalana unha exposición bibliográfica titulada "Ramón Piñeiro, unha filosofía de acción política e cultural". Estará aberta ata o 18 de maio no Edificio Histórico, Vitrinas da Biblioteca General
Universidade de Barcelona (Gran Via de les Corts Catalanes, 585- 08007 Barcelona).

Compartir na redes sociais: